Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta defende unha maior participación das mulleres como creadoras nas tecnoloxías da información e da comunicación


A secretaria xeral da Igualdade, participou hoxe no acto de celebración do Día Internacional das rapazas nas TIC, unha data que ten como obxectivo alentar as vocacións tecnolóxicas nas rapazas, así como rebaixar a brecha dixital de xénero

A Xunta de Galicia defende unha maior participación das mulleres na creación, no só no consumo, das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Santiago no acto de celebración do Día Internacional das Rapazas nas TIC, unha data que ten como obxectivo alentar as vocacións tecnolóxicas nas rapazas, así como rebaixar a brecha dixital de xénero.

Segundo destacou López Abella, a solución para que isto suceda a corto prazo non é sinxela, porque as decisións sobre a orientación académica no ámbito das TIC é algo que ven dende antes da universidade, nos primeiros anos de secundaria. Por iso o programa Rapazas nas TIC está deseñado para ofrecer unha serie de actividades de visualización e participación positiva das mulleres no eido das TIC, ademáis de ofrecer cauces para a participación das alumnas en accións de creación no ámbito das TIC nas que elas sexan as protagonistas, non simples usuarias.

A secretaria xeral explicou que nos países da OCDE, dende que apareceran por primeira vez os programas de estudos de informática na universidade, o número de mulleres estudantes matriculadas en ensino superior de TIC é do 20 por cento. Segundo cifras da Comisión Europea, en Europa, as mulleres representan só o nove por cento das persoas creadoras de aplicacións, e ocupan o 19 por cento do total de postos de xestión de TIC. Á vista destes datos, Abella indicou que dada a importancia que o Sector TIC está a ter no desenvolvemento da economía da nosa Comunidade Autónoma, a análise da presenza da muller no mesmo é crucial para a sostenibilidade do sector.

Celebración internacional
Dende hai seis anos, o cuarto xoves de cada mes de abril, celébrase a nivel internacional este día. Promovido pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT), organismo de Nacións Unidas para as tecnoloxías da información e a comunicación, cuxa finalidade é crear un ámbito mundial que motive as nenas e mulleres novas a considerar a posibilidade de seguir carreiras no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación.

Así, a Xunta de Galicia, a través do CESGA organiza este acto xa que participa no Proxecto Europeo ICT-Go-Girls!, Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC, e xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, coordinan a iniciativa galega Rapazas Emprendedoras Nas TIC no marco do Plan Proxecta, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, que se dirixe ás rapazas de primeiros anos de secundaria para proporcionarlles unha imaxe máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico para acadar unha maior presenza feminina no eido das TIC.